Telefonía móbil

O Colexio de Médicos de Viena realizou a instancias da Comisión Europea un estudo sobre a telefonía móbil, e nun Boletín sobre as radiacións nos teléfonos móbiles dan os seguintes consellos:

1. Usar o menos posíbel o móbil e durante o menor tempo; é mellor usar o teléfono fixo.
2. Durante as conversacións cun móbil mantelo o máis afastado que poidamos dos oídos.
3. Non telefonar dentro do coche.
4. Cando enviemos un SMS manter o móbil afastado do corpo o máximo que poidamos.
5. Ao comprar un móbil, escoller un que teña os valores SAR o máis baixo posíbeis.
6. Non gardar os móbiles no pantalón nin pegados ao corpo.
7. Na casa, falar polo teléfono fixo.
8. Non usar os xogos do móbil.
9. Se empregamos o “mans libres” do móbil, mantelo lonxe do corpo.
10. Coidado cos wireless LAN e UMTS de carga constante elevada.

Tamén se pide que se apague o teléfono pola noite, non se deixe cerca da cabeceira da cama e non se utilicen os videoxogos que ofrecen estes aparellos.
“Temos que ter en conta que os meniños son máis sensíbeis ás radiacións que os adultos, pois os ósos do cranio son máis finos e os `efectos xenotóxicos´ son maiores nas células infantís”, engadiu o doutor Erik Huber. Os nenos non deberán de usar o móbil antes dos 14 anos, e a partir desta idade deberano usar só puntualmente.
O estudo Reflex do Colexio de Médicos de Viena contou coa colaboración de 12 prestixiosos centros de investigación de sete países europeos. O grupo investigador alemán Verum coordinou os traballos e durante catro anos analizouse como a radiación afecta a células humanas e animais en laboratorio.
Os científicos encontraron que, tras ser expostas a campos electromagnéticos, as células mostraban un notábel incremento nos danos do ADN, e que non sempre eran reversíbeis. No entanto, a investigación non probou de forma concluínte que os cambios producidos representen un risco para a saúde, mais este colectivo internacional sinala que se deben facer máis estudos.

Hixiene segura

A cosmética convencional é un veneno. Non é unha broma, é un veneno para ti e para o medio ambiente. O certo é que a maioría da cosmética convencional usa derivados do petróleo e outros subprodutos moi prexudiciais para ti; si, son relativamente baratos, mais moi caros para a túa saúde. Hai que fixarse nos ingredientes para saber o que usamos, si, lelo moito ben.

Moitos xampús levan DEA ou MEA ou TEA (exemplo: cocamide DEA, Lauramide DEA, trietanolamina), e todos estes deterxentes teñen efecto canceríxeno demostrado. O Lauril sulfato de sodio ao mesturarse con aminas pode formar tamén nitrosaminas e estas resultan canceríxenas. Resumindo: NON merques nada que leve DEA, MEA, TEA ou Lauril sulfato de sodio.

Os desodorizantes que levan parabéns (vaia paradoxo, nada de parabéns ou felicitacións para os parabéns) son xenoestróxenos e disruptores endócrinos, isto é, interfiren no sistema endócrino. Por precaución, parece conveniente evitar estes parabéns, pois están relacionados con algún cancro de mama.

Os clorhidratos, sulfatos e outras sales de aluminio poden provocar trastornos da pel e enfermidades nerviosas como o Alzheimer. O butano e o propano (que hai nas lacas por exemplo) provocan dermatite, irritan os ollos e o sistema respiratorio; ollo, agravan a asma.

O dibutil ftalato DBP é canceríxeno e é tóxico para moitos órganos como fígado, riles, testículos... Favorece o cancro.

Podería seguir, mais prefiro dicir que alternativas temos. A solución é empregar produtos naturais, máis caros pero máis seguros. Realmente os produtos convencionais saen máis baratos a simple vista, mais se o pensas ben saen moi caros porque conducen a diversas enfermidades e quen paga iso?

Ollo, moitas marcas que din ser naturais non son tales, senón que poñen algún ingrediente natural e despois meten moitos ingredientes con efectos prexudiciais. Por iso vou indicar algunhas marcas respectuosas co medio ambiente e contigo (realmente os dous factores acostuman ir unidos):

Dr. Hauschka, Logocos, Börlind, Weleda, Primavera Life, Lavera, Naetura, Santaverde e Planta System son marcas seguras que usan ingredientes realmente naturais. Non as probei todas (algunha si), mais na revista Integral de setembro de 2008 falan sobre estes produtos. A información deste artigo fíxose con datos de investigadores da revista Integral.

Que goces co teu corpo! Goza do teu corpo!