Roberto Varela, metendo a zoca

Viaxar é positivo e un aprende moitas cousas, pero se un viaxa co obxectivo de mirar o que hai sen se integrar nesa cultura... a viaxe empobrécese tanto que pouco proveito se lle saca. As afirmacións de Roberto Varela sobre a cultura galega só indican a súa pouca integración coa cultura galega, dicindo que limita e que está acomplexada. E digo eu... para que colles un cargo de conselleiro de cultura para atacar a propia cultura?
Non me estraña que a Asociación de Escritores en Lingua Galega pidan a súa dimisión, e que a Asociación Galega de Editores lle manden recapacitar.
O único que limita é a mente das persoas que cren que unhas culturas limitan. Todas as culturas son necesarias e ningunha limita, só limitan as mentes cerradas. Aínda encima atrévese a dicir que a lingua galega non está en perigo e ben lle chega o 33% no ensino. Isto só indica o seu máis absoluto descoñecemento dos máis recentes informes tanto da Real Academia Galega (coa que tampouco concorda, vaia ho) nin co Instituto Galego de Estatística ou do Consello Escolar de Galicia. Todos indican que a lingua galega perde falantes. E non está en perigo, eh, érache boa, acaso o conselleiro leu estes informes? Varela, o que pasa é que ti valoras as linguas en función do número de falantes e pasas bastante da lingua galega, tanto no que se refire a usala como a protexela.
Calquera conselleiro de cultura debe saber un pouco de historia da lingua e de sociolingüística, e non estar aí por saír nas fotos.

Estafadoras do amor

Unha estafadora do amor ou scammer (in English) aprovéitanse da soidade que existe na sociedade actual. Cando establecen contacto con algún usuario de portais de busca de parella (por exemplo, Meetic, Tagged...), a estafadora comeza co envío de longas cartas mal traducidas ao español con ferramentas como Google Translator. Nunca (ou case nunca) responden ningunha das preguntas dos usuarios de forma directa. Ademais, a scammer comeza a enviar fotografías cada vez más suxerentes e eróticas.
Habitualmente, tras unhas poucas cartas xa queren ir visitar o usuario, e é moi probábel que solicite diñeiro para sufragar os gastos da viaxe e os visados que necesita para entrar no país da vítima. O diñeiro acostuma solicitarse por Wester Union.
Nalgúns portais e nas redes sociais pode haber tantas ou máis mentiras que na vida mesmo. Non se trata de desconfiar de todo, pero en historias deste tipo (estafas "amorosas"), é mellor ser moi precavido e incluso desconfiado.
Desde logo, se pasa algún (ou varios) dos seguintes puntos, trátase dunha estafa:
1. Non contestan as preguntas concretas que un usuario lle fai.
2. Non utiliza o nome do usuario (só unha vez ao principio), porque teñen un modelo que envían a moitos usuarios.
3. Piden cartos.
4. Mandan fotos cada vez máis suxerentes.

Acostuma ser a estafadora de Rusia, outras veces é dun país africano (ás veces coméntanos que é unha princesa que confesa estar en prisión -querendo dar pena-), pero todo é pura mentira.
A verdade é que as estafas non gustan, mais aí queda a nota para non caer no illó. Penso que hai un refrán que dice "Cando a burra cae no illó, xo burra xo". Espero que isto sirva un pouco para non caer nesas trampas.

O Cumio de Copenhague e un 2010 próspero

O cumio de Copenhague foi un encontro de 128 países para crear compromisos para reducir as emisións de CO2 e mellorar a natureza. Nese encontro falouse moito, houbo un importante avance en axudas económicas aos países con menos recursos, máis non houbo acordos de redución de emisións por parte de ningún país. Agardemos que sexa o 2010 un ano para chegar a un acordo global e real, e as reducións comecen xa nun planeta Terra enfermo (ecoloxicamente falando) que nos manda sinais de respeito.
Algúns científicos (como Matthew Schmidt, do Instituto Tecnolóxico de Xeorxia) están estudando o desxelo do Polo Norte e o cambio de salinidade da auga que se está producindo; esta mudanza pode provocar a paralización da corrente do Golfo e traería unha nova glaciación a Europa e parte dos Estados Unidos. É unha teoría e esperemos que non chegue á realidade, mais advirtenos das tremendas modificacións que estamos facendo nas augas do planeta Terra e aínda as que seguiremos facendo.
Para o 2010 pido un ano con compromisos co planeta Terra, coa natureza, coas xentes e que traia moita felicidade a todo o mundo.

O voo da pomba

O voo da pomba é unha bonita canción instrumental do grupo Milladoiro. A canción conduce a un mundo de paz e harmonioso, tranquilo. O violín non cesa no maxín, e queda a melodía aí amigabelmente levando o ouvinte a un mundo un pouco romántico, melancólico e pacífico (todo á vez).

RA MA DA SA SA SE SO HOM

Un poderoso mantra curativo (unha especie de oración ou petición) é o Ra Ma Da Sa Sa Se So Hom. É un mantra universal e traballa nos niveis mental, espiritual e físico. Eu ás veces escoitoo en gravacións, porque me é máis fácil.
Os mantras son moi útiles para mellorármonos e tamén para melloraren outras persoas que sofren debilidade nerviosa e que teñen dificultades para se relaxar ou meditar (polo motivo que sexa).
Todas as persoas temos dentro de nós o poder curativo.

Inundacións en Burquina Fasso

As peores inundacións en 90 anos están sufrindo agora cento once mil persoas, aproximadamente. Agardemos que sexa algo temporal e se amañe axiña, unha intervención consistente en auga, saneamento, hixiene e seguridade alimentaria. Intermon Oxfam axudará a 30000 persoas, máis ou menos, pero o problema afecta a 111ooo.
Agardemos que os deuses do ceo, os deuses da terra, as fadas e os gnomos do bosque axuden (é a miña petición de hoxe) a todos a saír desta situación.

Amálgamas dentais

Se tedes que facer empastes na boca, evitade as amálgamas de mercurio porque soltan este derivado mercurial e intoxicavos o corpo. E se as tedes, cambiadeas polas brancas nun dentista de moita confianza e coñecedor do tema e sen máis interese que a túa propia saúde. O debate está aí porque a de mercurio é mais barata e o dentista pode gañar máis ou cobrar menos, pero a saúde quen a paga?
Ao eliminar amálgamas dentais de mercurio (50%) e outros metais, é conveniente tomar tamén algun medicamento e infusión de cilantro para axudar a eliminar o mercurio do corpo (as amálgamas de mercurio afectan a diversos órganos importantes, como fígado ou cerebro). Hai 3 países europeos nos que están prohibidas estas amálgamas de mercurio, así que non é ningunha parvada radical o que estou dicindo, digo eu.
Tede en conta tamén que a carie dental cúrase, e isto díxérono reputados dentistas e demostrárono con pacientes (con estudos publicados en revistas de medicina acreditadas). Vede o artigo de marzo de 2011 neste mesmo blogue.

Mudando de tema case radicalmente, e no meu desvarío ocasional (non permanente, senón sería tolemia) penso que non creo que poidamos chegar a un mundo sen guerras (porque teño bastante constancia das mais de 5000 guerras que levamos na historia da humanidade), pero gústame soñar ás veces como sería ese mundo. Porque soñar é libre.