Purificación

Leornard Orr é un investigador espiritual que viaxou por todo o mundo, incluída a India varias veces, e ofrécenos os seguintes pasos para sermos felices:
1.- Terra: Basicamente consiste en alimentarse ben, facer algo de exercicio e ter un traballo que amemos. El considera que é bon ser vexetariano e nutrirnos ben. Hai moitas maneiras de ter un bon contacto coa terra: facer deporte, bailar, cantar, nadar, sentar nun bosque, tocar ou escoitar tambores, traballo manual (incluso sacar o lixo, claro), recibir masaxes…
2.- Aire: É bon ser consciente de como respiramos. Tamén é bon ter un ciclo respiratorio relaxado, para o cal nos podemos axudar facendo ioga, tai chi ou mesmo fixándonos como respiramos. Todo o mundo debera respirar como fan os bebés, unha respiración sa e sen pausas.
3.- Auga: Bañarse todos os días equilibra a enerxía do noso corpo. Os mellores momentos para o baño son ao erguernos e antes de nos deitar. Beber auga cada día tamén é moi importante.
4.- Lume: Segundo Leonard, o lume é tan importante para a saúde mental e física como o é o alimento. Afirma que a maneira máis rápida de saír dunha depresión é estar ante o lume todos os días.  Se non tes unha cheminea ou lareira, tamén podes usar candeas.
5.- Meditar: O importante é observar os pensamentos e, sobre todo, transformar os negativos en positivos. Ler escrituras sagradas de varias relixións (aínda que non sexas crente) ou grandes ideas tamén é bon para a mente. Rezar, ler unha páxina diaria da Biblia ou cantar (ou escoitar) mantras tamén purifica a nosa mente.
6.- Amor: Nas nosas relacións coa xente debemos manter o amor e a diversión. Se pensamos ben de nós mesmos énos máis fácil ter pensamentos positivos doutras persoas. Participar na comunidade e no goberno (local, nacional ou internacional) é unha maneira de amarmos outras persoas. Pasear polo barrio e amar a xente que encontremos nel é unha boa práctica.
7.- Respecto: Respectar persoas moi sabias ou moi boas e tamén estar con elas é unha maneira moi rápida de aprender.
8.- Descanso: Descansar un día á semana permítenos render máis nos outros seis.
Estas prácticas son simples e practicalas só custa un pouco de esforzo.