O Cumio de Copenhague e un 2010 próspero

O cumio de Copenhague foi un encontro de 128 países para crear compromisos para reducir as emisións de CO2 e mellorar a natureza. Nese encontro falouse moito, houbo un importante avance en axudas económicas aos países con menos recursos, máis non houbo acordos de redución de emisións por parte de ningún país. Agardemos que sexa o 2010 un ano para chegar a un acordo global e real, e as reducións comecen xa nun planeta Terra enfermo (ecoloxicamente falando) que nos manda sinais de respeito.
Algúns científicos (como Matthew Schmidt, do Instituto Tecnolóxico de Xeorxia) están estudando o desxelo do Polo Norte e o cambio de salinidade da auga que se está producindo; esta mudanza pode provocar a paralización da corrente do Golfo e traería unha nova glaciación a Europa e parte dos Estados Unidos. É unha teoría e esperemos que non chegue á realidade, mais advirtenos das tremendas modificacións que estamos facendo nas augas do planeta Terra e aínda as que seguiremos facendo.
Para o 2010 pido un ano con compromisos co planeta Terra, coa natureza, coas xentes e que traia moita felicidade a todo o mundo.

O voo da pomba

O voo da pomba é unha bonita canción instrumental do grupo Milladoiro. A canción conduce a un mundo de paz e harmonioso, tranquilo. O violín non cesa no maxín, e queda a melodía aí amigabelmente levando o ouvinte a un mundo un pouco romántico, melancólico e pacífico (todo á vez).

RA MA DA SA SA SE SO HOM

Un poderoso mantra curativo (unha especie de oración ou petición) é o Ra Ma Da Sa Sa Se So Hom. É un mantra universal e traballa nos niveis mental, espiritual e físico. Eu ás veces escoitoo en gravacións, porque me é máis fácil.
Os mantras son moi útiles para mellorármonos e tamén para melloraren outras persoas que sofren debilidade nerviosa e que teñen dificultades para se relaxar ou meditar (polo motivo que sexa).
Todas as persoas temos dentro de nós o poder curativo.

Inundacións en Burquina Fasso

As peores inundacións en 90 anos están sufrindo agora cento once mil persoas, aproximadamente. Agardemos que sexa algo temporal e se amañe axiña, unha intervención consistente en auga, saneamento, hixiene e seguridade alimentaria. Intermon Oxfam axudará a 30000 persoas, máis ou menos, pero o problema afecta a 111ooo.
Agardemos que os deuses do ceo, os deuses da terra, as fadas e os gnomos do bosque axuden (é a miña petición de hoxe) a todos a saír desta situación.

Amálgamas dentais

Se tedes que facer empastes na boca, evitade as amálgamas de mercurio porque soltan este derivado mercurial e intoxicavos o corpo. E se as tedes, cambiadeas polas brancas nun dentista de moita confianza e coñecedor do tema e sen máis interese que a túa propia saúde. O debate está aí porque a de mercurio é mais barata e o dentista pode gañar máis ou cobrar menos, pero a saúde quen a paga?
Ao eliminar amálgamas dentais de mercurio (50%) e outros metais, é conveniente tomar tamén algun medicamento e infusión de cilantro para axudar a eliminar o mercurio do corpo (as amálgamas de mercurio afectan a diversos órganos importantes, como fígado ou cerebro). Hai 3 países europeos nos que están prohibidas estas amálgamas de mercurio, así que non é ningunha parvada radical o que estou dicindo, digo eu.
Tede en conta tamén que a carie dental cúrase, e isto díxérono reputados dentistas e demostrárono con pacientes (con estudos publicados en revistas de medicina acreditadas). Vede o artigo de marzo de 2011 neste mesmo blogue.

Mudando de tema case radicalmente, e no meu desvarío ocasional (non permanente, senón sería tolemia) penso que non creo que poidamos chegar a un mundo sen guerras (porque teño bastante constancia das mais de 5000 guerras que levamos na historia da humanidade), pero gústame soñar ás veces como sería ese mundo. Porque soñar é libre.

O sánscrito e o Panchatantra

É unha lingua interesante o sánscrito. O Pancha Tantra é unha antiga colección de fábulas da India, probabelmente do século III a.C. A fábula da tartaruga é interesante e a súa relación co Feng Shui tamén o é.

Intermon Oxfam

Intermon Oxfam é unha ONG humanitaria que traballa para mellorar as condicións de vida de comunidades en África, Asia e América Latina. Pois no boletín que publica esta ONG está claro quen está escagallando o planeta. Estados Unidos (30 % de emisións de CO2), a Unión Europea (25 %), a Federación Rusa, a China, México, O Xapón e algún máis son os que peor se comportan. Así que eso de que somos o primeiro mundo é moi relativo. Si, o primeiro mundo en contaminar o planeta Terra. Entón, como me vou sentir pertencente a esta mal chamado primeiro mundo, somos terceiromundistas mentais. Para que queremos tanta sabedoría e recursos de última xeración para despois non a utilizar. Vestir ben e empregar medios de transporte é necesario actualmente, pero isto debe ir acompañado de medidas medioambientais limpas...
Europa debe limparse e tomar medidas ambientais máis contundentes para termos un planeta máis limpo e solidario. Coidemos o planeta, así como coidamos o noso corpo, a nosa roupa, o nosa casa... Coidemos a auga, o aire, a terra e todo irá mellor.

Snatam Kaur

Snatam Kaur é unha cantante estadounidense que fai cancións moi bonitas. En moitas delas usa como lingua vehicular o sánscrito, esa lingua tan antiga da familia indoeuropea. Gústame que se cante en sánscrito e o feito de cantar mantras, unha especie de oracións pedindo ou axudando para conseguir saúde por exemplo.
A min gústanme especialmente as cancións Ray Man Shabad, Mul Mantra e Jap Sat Nam. Non sei moito máis desta muller, só que canta moi ben. Vémonos (se queredes).
Estarei por Barcelona do 6 ao 15 de setembro, polo que nesas datas non editarei, pero deséxovos o mellor a todas e a todos. E aquí vos deixo un vídeo da Snatam Kaur: "O sol brilla en todas as persoas" (the sun shines on everyone).

AGARDO

Agardo que Druadán navegue salvando Robinsóns
e sigan tecendo historias de pastoras.
Que Berrogüetto siga construíndo xeometrías heptocéfalas,
alumando as noites con setestrelos.
Que Seivane conserve alma de buxo
e a acompañen sempre estrelas da fortuna.
Que Ávalon xiren mil veces máis o mundo
causando insomnio cos seus segredos.
Que Emilio Cao e Maite Dono nos mollen os vidros con chuvia
e transmitan desde o seu dial as andanzas do Sinbad.
Que a Leilía percorra a Ialma, mesmo se Anubía,
para todas alentos, mans de luz -vós- e sopros auténticos.
Que Milladoiro siga descubrindo niños do sol,
sucando mares nas sete naos.
Que Uxía dance nas areas
e a tribo máxica a leva á Pena Gabeira.
Que Luar na Lubre continúe rachando co silencio,
deixando ronseis, asubiando ao son do ar.
Que Amancio Prada oia as campás de Bastabales
e fale coas flores do verde "pino".
Que Martín Códax trobe ondas do mar
e cantigas de Santa María.
Que o Nordés siga soprando e o seu eco traia
romances de lavandeiras e cruces de pedra.
Que C. Núñez irmande estrelas, recupere Lelas
e Marías Soliñas cabalgando ata os castros.
Que Paloma Suances siga descubrindo curuxas.
Que os diplomáticos Komuniken porque queremos ver.
MIL DESEXOS DE VIDA ETERNA para vos (todas e todos).

p.d.: Escrito hai uns anos

Agricultura ecolóxica

Galiza ten unhas condicións de partida moi boas para a agricultura ecolóxica ou tradicional, e non é necesario que todo leve selo de ecolóxico. De feito, cando imos aos mercados encontramos ás veces produtos ecolóxicos (sen selo) e de calidade, e cando falamos co/a vendedor/a podemos saber como cultivou as verduras ou e como alimentou os animais (se fose carne, queixo ou ovos).
Penso que debemos volver a valorar as técnicas agrícolas dos avós e bisavós no que a ecoloxía se refire, e arrimándolle os coñecementos actuais adquiridos, facendo unha agricultura tradicional non contaminante adaptada aos tempos modernos.

Bilingüismo harmónico

O bilingüismo harmónico non existe e todos os sociolingüistas do mundo o saben e así o manifestan . Entón, iso de defender o bilingüismo harmónico só o fan persoas descoñecedoras do tema, políticos incluídos (unha boa parte dos políticos acostuman saber falar de todo e isto está moi lonxe da realidade).
Se amásemos todas as linguas do mundo, canto mellor nos iría. Se defendésemos a lingua galega na Galiza, con preferencia (que nos conecta coas nosas raíces e tamén co mundo lusófono); de segundo o español (que nos une aos españois e ao mundo hispano); e de terceira lingua pode vir o inglés, o francés ou o chinés -esta última logo vai ser a primeira lingua na internet, pasando por encima do inglés; si, así vos é a cousa-. Debemos buscar a protección das polo menos 6000 linguas existentes no mundo na actualidade, e deixar de discutir, busquemos solucións válidas e consensuadas.
En galego, que non haxa perda de transmisión pais-fillos (como houbo e aínda segue habendo), e plan na escola respetuoso co galego. Esperemos que o Partido Popular de Galicia recapacite e non tome decisións negativas para o galego, deixando ao castelán por encima do galego como parece querer deixar imposto (pois está mostrando desinterese pola lingua propia de Galicia), e este partido parece querer darlle preferencia ao castelán por encima do galego, contradicindo a súa defensa de bilingüísmo harmónico.

Como pode ser que no SERGAS os médicos non teñan nin obriga de coñecer o galego nun país tan cheo de vellos como é o noso e onde a capacidade lingüística dos anciáns en español é moi deficitaria (salvo nas cidades e algunha vila, e aínda habería que matizar o seu coñecemento lingüístico en español), e lembremos que, por sorte, aínda hai moitas aldeas actualmente persistindo o paso do tempo. O médico que vén de fóra e nunca ouviu galego vai entender o paisano da aldea? Canto tempo lle vai dedicar e ademais vai ser un experto en entender a expresión corporal? Non sei, onde está o bilingüismo harmónico? Onde está o diálogo prometido? Recapacitemos e respetemos a nosa cultura e os nosos antepasados.

Protexer o galego e deixar de poñer o castelán por encima é o máis razoábel para calquera sociolingüista coñecedor da realidade lingüística galega, porque xa está ben de abusos sobre Galiza, a nosa cultura e a nosa lingua. Que se faga xustiza coa inxusta situación da lingua galega.

Mundo renovado, que é iso?

Mundo renovado é un blogue con intencións de autocoñecemento e atención á ecoloxía e á saúde, con crítica directa (construtiva) e información alternativa; combinando textos e vídeos, ben musicais ou ben documentais.
A verdade é que no mundo dos comezos do século XXI tivemos mudanzas importantes: información máis accesíbel coa internet, mellores coñecementos médicos, brotes ecolóxicos, crise financeira e de identidade etc. Mais os avances son relativos porque hai moitos problemas que non se acaban de solucionar:
* O tema medioambiental, pois nisto os gobernos moitas veces non se poñen de acordo, creando guerras motivadas exclusivamente polo petróleo (recoñecido case directamente incluso polos mesmos gobernos, como a mentira das armas de destrución masiva no Iraq).
* O tema do reparto do diñeiro. Non é ético que, coa tecnoloxía e recursos naturais que temos os seres humanos, morran de fame miles de persoas cada día. O diñeiro tal e como está concebido xa é algo antigo, debera haber outras maneiras para gobernarnos e repartir axeitadamente os bens e servizos do planeta (e non concentralos nunhas multinacionais).
* Corrupción na política e nas empresas. Desgrazadamente, os cartos están en numerosas ocasións por enriba da humanidade. A xustiza actual non é nada xusta, e as leis múdanse ou interprétanse tantas veces a favor do forte e en contra dos seres ou do planeta. 

Creo no amor incondicional para mellorar o mundo, e entendo que a ecoloxía é moi importante nun mundo desorientado, como é o actual, cheo de tantas adiccións.
O amor incondicional non é para a xente branda, e non se trata de palabras senón de feitos altruístas, e é máis difícil do que poida parecer e non significa para nada ir de mártir pola vida. Todo o contrario, hai que ser valente e dicir moitos NON a estupideces e prexuízos que existen na sociedade (como o do binlingüismo harmónico, a incineración do lixo e moitas desinformacións). Mais tamén son dos que me declaro ignorante (en serio).

Temas como a ecoloxía, a música, o comercio xusto e as ONGs, o reparto da riqueza e as fronteiras... deberan estar máis nas conversas cotiás, coa intención de amañar un pouco este mundo desorientado (medio ambiente, enfermidades, redución da Amazonía e dos bosques tropicais...) e tamén para desaprender estupideces mentais -propias e alleas-.
Tamén me gusta moito rir e divertirme, e non sempre falar de temas serios. Hai tempo para todo. Espero que vos guste o blogue.