AGARDO

Agardo que Druadán navegue salvando Robinsóns
e sigan tecendo historias de pastoras.
Que Berrogüetto siga construíndo xeometrías heptocéfalas,
alumando as noites con setestrelos.
Que Seivane conserve alma de buxo
e a acompañen sempre estrelas da fortuna.
Que Ávalon xiren mil veces máis o mundo
causando insomnio cos seus segredos.
Que Emilio Cao e Maite Dono nos mollen os vidros con chuvia
e transmitan desde o seu dial as andanzas do Sinbad.
Que a Leilía percorra a Ialma, mesmo se Anubía,
para todas alentos, mans de luz -vós- e sopros auténticos.
Que Milladoiro siga descubrindo niños do sol,
sucando mares nas sete naos.
Que Uxía dance nas areas
e a tribo máxica a leva á Pena Gabeira.
Que Luar na Lubre continúe rachando co silencio,
deixando ronseis, asubiando ao son do ar.
Que Amancio Prada oia as campás de Bastabales
e fale coas flores do verde "pino".
Que Martín Códax trobe ondas do mar
e cantigas de Santa María.
Que o Nordés siga soprando e o seu eco traia
romances de lavandeiras e cruces de pedra.
Que C. Núñez irmande estrelas, recupere Lelas
e Marías Soliñas cabalgando ata os castros.
Que Paloma Suances siga descubrindo curuxas.
Que os diplomáticos Komuniken porque queremos ver.
MIL DESEXOS DE VIDA ETERNA para vos (todas e todos).

p.d.: Escrito hai uns anos

Agricultura ecolóxica

Galiza ten unhas condicións de partida moi boas para a agricultura ecolóxica ou tradicional, e non é necesario que todo leve selo de ecolóxico. De feito, cando imos aos mercados encontramos ás veces produtos ecolóxicos (sen selo) e de calidade, e cando falamos co/a vendedor/a podemos saber como cultivou as verduras ou e como alimentou os animais (se fose carne, queixo ou ovos).
Penso que debemos volver a valorar as técnicas agrícolas dos avós e bisavós no que a ecoloxía se refire, e arrimándolle os coñecementos actuais adquiridos, facendo unha agricultura tradicional non contaminante adaptada aos tempos modernos.

Bilingüismo harmónico

O bilingüismo harmónico non existe e todos os sociolingüistas do mundo o saben e así o manifestan . Entón, iso de defender o bilingüismo harmónico só o fan persoas descoñecedoras do tema, políticos incluídos (unha boa parte dos políticos acostuman saber falar de todo e isto está moi lonxe da realidade).
Se amásemos todas as linguas do mundo, canto mellor nos iría. Se defendésemos a lingua galega na Galiza, con preferencia (que nos conecta coas nosas raíces e tamén co mundo lusófono); de segundo o español (que nos une aos españois e ao mundo hispano); e de terceira lingua pode vir o inglés, o francés ou o chinés -esta última logo vai ser a primeira lingua na internet, pasando por encima do inglés; si, así vos é a cousa-. Debemos buscar a protección das polo menos 6000 linguas existentes no mundo na actualidade, e deixar de discutir, busquemos solucións válidas e consensuadas.
En galego, que non haxa perda de transmisión pais-fillos (como houbo e aínda segue habendo), e plan na escola respetuoso co galego. Esperemos que o Partido Popular de Galicia recapacite e non tome decisións negativas para o galego, deixando ao castelán por encima do galego como parece querer deixar imposto (pois está mostrando desinterese pola lingua propia de Galicia), e este partido parece querer darlle preferencia ao castelán por encima do galego, contradicindo a súa defensa de bilingüísmo harmónico.

Como pode ser que no SERGAS os médicos non teñan nin obriga de coñecer o galego nun país tan cheo de vellos como é o noso e onde a capacidade lingüística dos anciáns en español é moi deficitaria (salvo nas cidades e algunha vila, e aínda habería que matizar o seu coñecemento lingüístico en español), e lembremos que, por sorte, aínda hai moitas aldeas actualmente persistindo o paso do tempo. O médico que vén de fóra e nunca ouviu galego vai entender o paisano da aldea? Canto tempo lle vai dedicar e ademais vai ser un experto en entender a expresión corporal? Non sei, onde está o bilingüismo harmónico? Onde está o diálogo prometido? Recapacitemos e respetemos a nosa cultura e os nosos antepasados.

Protexer o galego e deixar de poñer o castelán por encima é o máis razoábel para calquera sociolingüista coñecedor da realidade lingüística galega, porque xa está ben de abusos sobre Galiza, a nosa cultura e a nosa lingua. Que se faga xustiza coa inxusta situación da lingua galega.

Mundo renovado, que é iso?

Mundo renovado é un blogue con intencións de autocoñecemento e atención á ecoloxía e á saúde, con crítica directa (construtiva) e información alternativa; combinando textos e vídeos, ben musicais ou ben documentais.
A verdade é que no mundo dos comezos do século XXI tivemos mudanzas importantes: información máis accesíbel coa internet, mellores coñecementos médicos, brotes ecolóxicos, crise financeira e de identidade etc. Mais os avances son relativos porque hai moitos problemas que non se acaban de solucionar:
* O tema medioambiental, pois nisto os gobernos moitas veces non se poñen de acordo, creando guerras motivadas exclusivamente polo petróleo (recoñecido case directamente incluso polos mesmos gobernos, como a mentira das armas de destrución masiva no Iraq).
* O tema do reparto do diñeiro. Non é ético que, coa tecnoloxía e recursos naturais que temos os seres humanos, morran de fame miles de persoas cada día. O diñeiro tal e como está concebido xa é algo antigo, debera haber outras maneiras para gobernarnos e repartir axeitadamente os bens e servizos do planeta (e non concentralos nunhas multinacionais).
* Corrupción na política e nas empresas. Desgrazadamente, os cartos están en numerosas ocasións por enriba da humanidade. A xustiza actual non é nada xusta, e as leis múdanse ou interprétanse tantas veces a favor do forte e en contra dos seres ou do planeta. 

Creo no amor incondicional para mellorar o mundo, e entendo que a ecoloxía é moi importante nun mundo desorientado, como é o actual, cheo de tantas adiccións.
O amor incondicional non é para a xente branda, e non se trata de palabras senón de feitos altruístas, e é máis difícil do que poida parecer e non significa para nada ir de mártir pola vida. Todo o contrario, hai que ser valente e dicir moitos NON a estupideces e prexuízos que existen na sociedade (como o do binlingüismo harmónico, a incineración do lixo e moitas desinformacións). Mais tamén son dos que me declaro ignorante (en serio).

Temas como a ecoloxía, a música, o comercio xusto e as ONGs, o reparto da riqueza e as fronteiras... deberan estar máis nas conversas cotiás, coa intención de amañar un pouco este mundo desorientado (medio ambiente, enfermidades, redución da Amazonía e dos bosques tropicais...) e tamén para desaprender estupideces mentais -propias e alleas-.
Tamén me gusta moito rir e divertirme, e non sempre falar de temas serios. Hai tempo para todo. Espero que vos guste o blogue.