Risoterapia e Patch Adams

Patch Adams é un tipo moi humano que me cae moi ben. Critica a maioría dos medios de comunicación porque adoitan empregar nos seus contidos a dor e o medo, dan noticias negativas e case non deixan espazo para os debates (cando o deixan) ou as novas positivas (que tamén existen). Hai un película do Robin Williams sobre este americano que é doutor, pallaso, actor, autor e activista social. É un tipo que defende o humor e sobre todo a humanidade para conseguirmos un mundo mellor.

Patch Adams e uns amigos fundaron o Gesundheit Institute, que funcionou como un hospital de comunidade durante 12 anos. Tamén organiza cada ano viaxes ao redor do mundo con grupos de pallasos voluntarios que levan esperanza, alegría e xogos a orfos, pacientes e persoas en xeral. Unha cita textual do Patch é esta: “Hai dous paradoxos nos Estados Unidos: o feito de que sexa unha das nacións con maior número de millonarios e que, á vez, teña meniños que morren de desnutrición; e, por outro lado, que sendo un país supostamente católico teña unha actitude de desprezo respecto á xente máis pobre”. 

Un dos aspectos máis interesantes é o seu traballo coa risa desde hai moitos anos, hoxe tamén coñecida como risoterapia. A risa ten varios beneficios demostrados en diversos órganos do corpo, feito xa coñecido pola medicina chinesa e pola occidental en diversos momentos (aínda que sen moito uso como terapia). O riso estimula o sistema nervioso e este libera endorfinas que actúan sobre o sistema inmune e o endócrino, mellorando a nosa calidade de vida e acelerase a recuperación en procesos patolóxicos.

Usemos narices de pallaso, aparellos de facer burbullas, cantemos, falemos cos anciáns, sexamos amables e rídevos moito.

Telefonía móbil

O Colexio de Médicos de Viena realizou a instancias da Comisión Europea un estudo sobre a telefonía móbil, e nun Boletín sobre as radiacións nos teléfonos móbiles dan os seguintes consellos:

1. Usar o menos posíbel o móbil e durante o menor tempo; é mellor usar o teléfono fixo.
2. Durante as conversacións cun móbil mantelo o máis afastado que poidamos dos oídos.
3. Non telefonar dentro do coche.
4. Cando enviemos un SMS manter o móbil afastado do corpo o máximo que poidamos.
5. Ao comprar un móbil, escoller un que teña os valores SAR o máis baixo posíbeis.
6. Non gardar os móbiles no pantalón nin pegados ao corpo.
7. Na casa, falar polo teléfono fixo.
8. Non usar os xogos do móbil.
9. Se empregamos o “mans libres” do móbil, mantelo lonxe do corpo.
10. Coidado cos wireless LAN e UMTS de carga constante elevada.

Tamén se pide que se apague o teléfono pola noite, non se deixe cerca da cabeceira da cama e non se utilicen os videoxogos que ofrecen estes aparellos.
“Temos que ter en conta que os meniños son máis sensíbeis ás radiacións que os adultos, pois os ósos do cranio son máis finos e os `efectos xenotóxicos´ son maiores nas células infantís”, engadiu o doutor Erik Huber. Os nenos non deberán de usar o móbil antes dos 14 anos, e a partir desta idade deberano usar só puntualmente.
O estudo Reflex do Colexio de Médicos de Viena contou coa colaboración de 12 prestixiosos centros de investigación de sete países europeos. O grupo investigador alemán Verum coordinou os traballos e durante catro anos analizouse como a radiación afecta a células humanas e animais en laboratorio.
Os científicos encontraron que, tras ser expostas a campos electromagnéticos, as células mostraban un notábel incremento nos danos do ADN, e que non sempre eran reversíbeis. No entanto, a investigación non probou de forma concluínte que os cambios producidos representen un risco para a saúde, mais este colectivo internacional sinala que se deben facer máis estudos.