Cedros siberianos e Anastasia

A serie de libros Os cedros resoantes da Rusia fai despertar sentimentos positivos e de conexión coa natureza. O blogue Tesoros escondidos dános unhas claras e interesantes informacións sobre o beneficio dos cedros, entre as cales me sorprendeu gratamente saber que estas árbores teñen alma e un ritmo biolóxico que comparte cos seres humanos [entre as 3 e 4 da tarde fan unha pausa, claro, a fermosa sesta :) ].

O primeiro libro titúlase Anastasia, e este ser humano ten unha conexión coa natureza enorme, un amor polos labregos moi grande, ao igual que tamén por calquera bicho vivente que aparece. Até dorme ao lado dunha osa, e é amiga dunha loba (por certo, a loba ládralle á osa cando se aproxima de máis a Anastasia). Os esquíos téñenlle unha grande estima a esta muller criada en plena natura, que non leu ningún libro, mais de enorme sabedoría.

O libro conta a viaxe do empresario ruso Vladimir Megre á taiga siberiana e o seu contacto con dous anciáns, e sobre todo con Anastasia, coa que choca enormemente polas súas ideas que difiren moito das de Anastasia. Non vos conto máis (en realidade só contei adornos e case nada do argumento), e só engado que Vladimir di que a historia é real e non é ficción, o cal ao ler o libro a maioria dos seres humanos escolarizados vaino pór en dúbida (e non só polo recurso literario de dicir que a historia é real cando non o é, senón polos contidos que aparecen).

Curiosamente, o cedro é a árbore máis citada na Biblia e xogou un papel importante nalgunhas civilizacións (fenicios, exipcios, druídas celtas). Ten usos terapéuticos e cosméticos, e déronme ganas de plantar algún. Xa vedes, así vos son eu.