Risoterapia e Patch Adams

Patch Adams é un tipo moi humano que me cae moi ben. Critica a maioría dos medios de comunicación porque adoitan empregar nos seus contidos a dor e o medo, dan noticias negativas e case non deixan espazo para os debates (cando o deixan) ou as novas positivas (que tamén existen). Hai un película do Robin Williams sobre este americano que é doutor, pallaso, actor, autor e activista social. É un tipo que defende o humor e sobre todo a humanidade para conseguirmos un mundo mellor.

Patch Adams e uns amigos fundaron o Gesundheit Institute, que funcionou como un hospital de comunidade durante 12 anos. Tamén organiza cada ano viaxes ao redor do mundo con grupos de pallasos voluntarios que levan esperanza, alegría e xogos a orfos, pacientes e persoas en xeral. Unha cita textual do Patch é esta: “Hai dous paradoxos nos Estados Unidos: o feito de que sexa unha das nacións con maior número de millonarios e que, á vez, teña meniños que morren de desnutrición; e, por outro lado, que sendo un país supostamente católico teña unha actitude de desprezo respecto á xente máis pobre”. 

Un dos aspectos máis interesantes é o seu traballo coa risa desde hai moitos anos, hoxe tamén coñecida como risoterapia. A risa ten varios beneficios demostrados en diversos órganos do corpo, feito xa coñecido pola medicina chinesa e pola occidental en diversos momentos (aínda que sen moito uso como terapia). O riso estimula o sistema nervioso e este libera endorfinas que actúan sobre o sistema inmune e o endócrino, mellorando a nosa calidade de vida e acelerase a recuperación en procesos patolóxicos.

Usemos narices de pallaso, aparellos de facer burbullas, cantemos, falemos cos anciáns, sexamos amables e rídevos moito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario