Premio 2010 de Ecoloxía

Poucos o saben, pero existe un premio tipo "Nobel" de Ecoloxía.  Este ano gañouno Jesús León Santos, de 42 anos, un campesiño indíxena mexicano que estivo realizando, nos últimos 25 anos, un excepcional traballo de reforestación na sua rexión de Oaxaca, México. 

Jesús, aos 18 anos, decidiu cambiar a paisaxe onde vivía na Mixteca alta, a "terra do sol", pois este lugar parecía a lúa: campos ermos e cheos de po, sen árbores e sen auga. Había que andar grandes distancias en busca de auga e de leña. Case toda a xuventude emigraba. Con outros comuneiros do lugar, Jesús León marcou o obxectivo de reverdecer os campos. E decidiu recorrer a técnicas agrícolas precolombinas que lle ensinaron uns indíxenas guatemaltecos para converter terras áridas en zonas de cultivo e arboradas. 

Usouse unha ferramenta indíxena esquecida: o tequio, o traballo comunitario non remunerado. Reuniu 400 familias de 12 concellos, creou un Centro e, con recursos económicos limitadísimos, comezaron a loitar contra a erosión. Impulsaron un programa de reforestación. A pico e pa cavaron gabias para reter a auga das escasas chuvias, sementaron árbores, trouxeron fertilizante e plantaron sebes. Así, recargouse o acuífero. Despois, plantaron uns catro millóns de árbores de especies nativas, aclimatadas á calor e sobrias na absorción de auga.

Despois marcaron a meta de conseguir a soberania alimentaria para as comunidades indíxenas e campesiñas. Desenvolveron un sistema de agricultura ecolóxica, rescatanto sementes nativas de millo, cereal orixinario desta rexión. Tras 25 anos, hoxe a Mixteca alta volveu a reverdecer. Xurdiron fontes con máis auga. Hai árbores e alimentos. E a xente xa non emigra. Actualmente, Jesús León e os seus amigos loitan contra os transxénicos, e sementan unhas 200.000 árbores anuais...
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario