Mundo renovado, que é iso?

Mundo renovado é un blogue con intencións de autocoñecemento e atención á ecoloxía e á saúde, con crítica directa (construtiva) e información alternativa; combinando textos e vídeos, ben musicais ou ben documentais.
A verdade é que no mundo dos comezos do século XXI tivemos mudanzas importantes: información máis accesíbel coa internet, mellores coñecementos médicos, brotes ecolóxicos, crise financeira e de identidade etc. Mais os avances son relativos porque hai moitos problemas que non se acaban de solucionar:
* O tema medioambiental, pois nisto os gobernos moitas veces non se poñen de acordo, creando guerras motivadas exclusivamente polo petróleo (recoñecido case directamente incluso polos mesmos gobernos, como a mentira das armas de destrución masiva no Iraq).
* O tema do reparto do diñeiro. Non é ético que, coa tecnoloxía e recursos naturais que temos os seres humanos, morran de fame miles de persoas cada día. O diñeiro tal e como está concebido xa é algo antigo, debera haber outras maneiras para gobernarnos e repartir axeitadamente os bens e servizos do planeta (e non concentralos nunhas multinacionais).
* Corrupción na política e nas empresas. Desgrazadamente, os cartos están en numerosas ocasións por enriba da humanidade. A xustiza actual non é nada xusta, e as leis múdanse ou interprétanse tantas veces a favor do forte e en contra dos seres ou do planeta. 

Creo no amor incondicional para mellorar o mundo, e entendo que a ecoloxía é moi importante nun mundo desorientado, como é o actual, cheo de tantas adiccións.
O amor incondicional non é para a xente branda, e non se trata de palabras senón de feitos altruístas, e é máis difícil do que poida parecer e non significa para nada ir de mártir pola vida. Todo o contrario, hai que ser valente e dicir moitos NON a estupideces e prexuízos que existen na sociedade (como o do binlingüismo harmónico, a incineración do lixo e moitas desinformacións). Mais tamén son dos que me declaro ignorante (en serio).

Temas como a ecoloxía, a música, o comercio xusto e as ONGs, o reparto da riqueza e as fronteiras... deberan estar máis nas conversas cotiás, coa intención de amañar un pouco este mundo desorientado (medio ambiente, enfermidades, redución da Amazonía e dos bosques tropicais...) e tamén para desaprender estupideces mentais -propias e alleas-.
Tamén me gusta moito rir e divertirme, e non sempre falar de temas serios. Hai tempo para todo. Espero que vos guste o blogue.

Ningún comentario:

Publicar un comentario