Entre lusco e fusco


Non sei por que, non sei como,
non sei onde, nin sei cando;
pero entre fusco e lusco,
seguireite aquí agardando.

Dime por que, dime como,
dime onde, dime cando;
sabes que entre fusco e lusco,
seguireite aquí esperando.

Como un paxaro sen aire
atravesando camiños,
vives no teu mundo alleo
e foxes do teu destino.

Se che canto, non me escoitas;
se te chamo, non respondes.
Non me colles, nin me deixas;
non me deixas, nin me colles.

Quítasme o sono na noite
e por moito que che diga,
acabas sempre levándome
os soños que prometías.

Non me queres ver de perto,
nin de lonxe tan sequera.
Pasas diante dos meus ollos,
como se eu non estivera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario