Os erros da OMS

A verdade é que a OMS non inspira confianza por varios feitos. Podemos recordar o alarmismo inxustificado que contou sobre a gripe A, pois a OMS dixera que morrerían 150 millóns de persoas e os mortos foron moitísimos menos que os da gripe estacional de cada ano. 

O internista Pedro Caba, ex vicepresidente da Organización Mundial da Saúde, dixo "nos han tomado el pelo, empezando por la OMS y los laboratorios". O goberno español tamén meteu a zoca gastando 333 millóns de euros en vacinas e antivirais. As farmacéuticas foron as grandes gañadoras, pois gañaron moitos millóns de euros. Os gobernos de moitos países foron inexpertos ou obedeceron aos intereses das farmacéuticas. E os medios de comunicación maioritarios foron as pezas das multinacionais (pois a publicidade fai que os medios de comunicación estean comprados) para estenderen a noticia falsa. Non me gusta a ciencia cando está avalada por empresas farmacéuticas con intereses económicos, porque esa ciencia non é obxectiva ao primaren os intereses económicos.

Os gobernos caeron no ichó (ás veces tamén son pezas, pois teñen que devolver favores), e despois tentaron revender a baixo prezo os excedentes de vacinas compradas ou aínda peor, mandalas ao terceiro mundo. Non sei quen será mais terceiromundista, porque unha vacina que non serve non se lle manda a ninguén, e menos a un país de baixos recursos económicos e de formación. A ética dalgún goberno non sei eu onde poderá estar.

A periodista canadense de investigación Naomi Klein falou dunha «nova maneira de facerse inmensamente rico estendendo a alarma global». Esperemos que a cidadanía lembre este alarmismo mentireiro e sexa máis crítica, contrastando a información dos medios de comunicación convencional -atados pola publicidade- coa alternativa -a internet axuda a isto-, e tamén con formación rigorosa (para frear os críticos da información alternativa, que tamén existen, e paréceme ben). Sexamos máis rigorosos cos medios de comunicación, cos gobernos e líderes, e coa OMS; non lles imos crer o que digan despois de tantas mentiras ou falta de rigor (cada un que lle chame como queira).

Ningún comentario:

Publicar un comentario